Saturday 04 de May de 2024

O Concello inicia a reparación das deficiencias pola falta de mantemento do Antigo Hospital de San Roque


• Pretendíase reparar os teitos interiores para acabar coas pingueiras e humidades, pero terase que actuar tamén no tellado, orixe da problemática

• A edificación municipal acolle formacións, reunións de persoal, conferencias ou exposicións, ademais de exercer como sede de varias asociacións

O Concello de Ortigueira iniciou esta semana os traballos de reparación das deficiencias do Antigo Hospital de San Roque. A actuación prevista incluía a reparación dos teitos interiores para acabar con pingueiras e humidades, pero a inspección do persoal especializado detectou a necesidade de actuar tamén no tellado, como orixe da problemática.

Deste xeito, será necesario levantar as tellas, limpar baixo elas e substituír as pezas rotas. Será o paso previo e necesario para acabar con estas humidades interiores, xa que a cuberta atópase con vexetación e fungos en moitos metros cadrados de superficie.

Esta actuación, imprescindible para reparar as deficiencias existentes e iniciar un proceso de mantemento do que carecía a edificación, finalizará nos próximos días.
Con estes traballos preténdese arrombar a imaxe e as condicións de uso dun inmoble que o Concello de Ortigueira utiliza na actualidade para ofrecer formacións, pero tamén ten outros usos como reunións de persoal, conferencias ou exposicións.

Ademais, o edificio situado no barrio do Ponto, que foi reformado en 2011 para adaptarse a estes novos usos, tamén funciona como local social de varias asociacións. Entre elas, a Escola de Gaitas de Ortigueira.